En maio do 2008, Mirari e Larraitz Urruzola, despois de máis de 20 anos de traxectoria na produción de espectáculos de títeres de diversas técnicas de manipulación, para público infantil, formamos a compañía de Títeres Babaluva. Tanto nos nosos espectáculos como nos talleres que impartimos planificamos as estratexias innovando estéticas e contidos co fin de animar á lectura, recuperar a tradición oral, divulgar coñecementos científicos, sensibilizar sobre a situación ambiental, fomentar actitudes de respecto á diversidade, formar individuos, construír sociedades tolerantes e sustentables.

Nos nosos proxectos facemos visible o traballo de mulleres dedicadas a diferentes facetas artísticas. Mulleres e homes todos/as implicados/as en crear emocións, cidadáns sensibles na divulgación de valores de cooperación, respecto e compromiso social desde as linguaxes particulares das súas creacións.

Despois de investigar diversas técnicas de manipulación especializámonos pola técnica de títeres de mesa onde o traballo de manipulación faise á vista creando diálogo entre actriz-títere-público-actriz. Isto ofrécenos versatilidade á hora de crear personaxes e dinámicas de interrelación co espectador.

Como docentes ofrecemos diversos talleres de expresión e creación artística, combinando nas nosas propostas o teatro, as artes plásticas e a música como ferramentas para a formación integral do individuo que favorecen e potencian a imaxinación, a creatividade, a sensibilidade artística e o espírito crítico.


Larraitz Urruzola Tolosa

Foto de Larraitz

Larraitz

Xestión e produción de Artes Escénicas, Actriz/Titiriteira Larraitz é actriz e creadora de propostas escénicas para público infantil e/ou familiar desde o ano 1989. De formación autodidacta e cun longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro e títeres, destaca pola súa capacidade de conexión e comunicación co espectador. Domina varias técnicas de manipulación de títeres tanto para artes escénicas como para o formato audiovisual: Variña, sombras, guiñol, marionetas de fío, luz negra, monicreques de luva e mesa, bunraku… Ten versatilidade estética e variada tipoloxía da voz á hora de proxectar os seus personaxes. Como artista e animadora sociocultural, realiza talleres utilizando o xogo dramático como recurso para contribuír á formación integral do individuo. Ver Curriculum  (PDF)


Mirari Urruzola

Mirari

Mirari

Escultora e escenógrafa está diplomada en Produción e Deseño de Espectáculos de Teatro, pola Escola de Arte e Deseño, Croydon College de Londres (93-96). Traballa como especialista en acabados de pintura para a compañia de decoración de interiores DKT mentres continua os estudos de Belas Artes na Escola City Literary institute de Londres. Onde se dedica á creación de esculturas e participa en diversas exposicións colectivas. Termina o Master de Artes en investigación intercultural e acción creativa, London Metropolitan University (2004) .

Despois de nove anos de estancia en Londres fíncase en Santiago (2002) onde colabora como deseñadora de decorados e luces, manipulación de monicreques e na produción de varios espectáculos.

Forma a compañia Babaluva (2008) onde xestiona e produce espectáculos de monicreques para público infantil. Como docente realiza unha gran variedade de obradoiros de Arte dirixidos a nen@s, familias e profesores. Ver Curriculum (PDF) http://about.me/mirariurruzola